Tomando medidas XI: Xogamos coas escalas

23 Febreiro, 2011 (17:38) | 4º de ESO: Ámbito CT, Divulgación científica, Profes, Recurso, Tomando medidas, Vídeo

Se a Terra fora un balón de baloncesto e a Lúa unha pelota de tenis, que distancia debería separalas para manter a escala empregada nos diámetros?

Onte vin este vídeo en amazings e hoxe realizamos unha pequena práctica na clase de Ámbito Científico-Técnico (dentro das actividades relacionadas con astronomía que estamos desenvolvendo ao longo desta avaliación).

A partir da wikipedia, @s alumn@s buscaron os seguintes datos:

  • Diámetro da Terra
  • Diámetro da Lúa
  • Diámetro dun balón de baloncesto
  • Diámetro dunha pelota de tenis

Logo de comprobar que os diámetros balón de balocesto-pelota de tenis gardaban a mesma relación (aproximadamente) ca os diámetros Terra-Lúa e que polo tanto estaban ben escollidos, pedinlles que buscaran que distancia media separa o noso planeta do seu satélite.

Xa só quedaba calcular o factor de escala Terra-balón de baloncesto e empregalo para determinar a que distancia do balón de baloncesto teriamos que colocar a pelota de tenis. O (sorprendente) resultado, arredor de 7 metros.

Por certo, no vídeo observaredes que a persoa que camiña para situar a pelota de tenis na súa posición correcta, dá 10 pasos. Se os seus pasos foran amplos, tería dado arredor de 7 porque o paso amplo dunha persoa adulta de estatura media mide arredor de 1 metro.