Unha visita moi esperada

25 Marzo, 2011 (20:28) | 4º de ESO: Ámbito CT, Colaboración, Divulgación científica, Imaxe

Durante toda a 2ª avaliación vimos desenvolvendo diferentes actividades de astronomía en paralelo co traballo doutras unidades. A próxima semana será especialmente emocionante porque o luns teremos a inmensa sorte de contar coa visita de Salvador Bará, profesor da Facultade de Física da USC e responsable da iniciativa Astronomía na Beirarrúa:

“O ceo está no teu barrio!

Astronomía na beirarrúa é un programa de actividades promovido pola Universidade de Santiago de Compostela e o Clube de Astronomía Vega para desfrutar do ceo nocturno dende as rúas e prazas dos nosos barrrios, en estreita cooperación coas entidades asociativas veciñais.”

Na primeira hora de clase descubriremos a Lúa a través da charla “Alén dos confíns da luz e das tebras…” (Galileo e a Lúa, 1610). Agora que non nos escoita, teño que dicirvos que Salva foi o meu profe (o mellor que tiven) polo que podo asegurarvos que aprenderemos moitísimo e non teremos tempo nin para pestanexar escoitando sorprendentes e interesantes historias acerca do noso satélite e o vello Galileo.

Na segunda hora de clase, despois do recreo, teremos un obradoiro no que nos iniciaremos no manexo dos telescopios  e en particular, dos tres que o grupo de Astronomía na Beirarrúa nos deixa en préstamo durante toda a semana (grazas!!!). Con eles realizaremos observacións e unha actividade de astrofotografía empregando as cámaras dos teléfonos móbiles (fixaremos o día consultando Meteogalicia).