Keitai shosetsu ou novelas en sms

2 Marzo, 2009 (15:19) | Colaboración, Divulgación científica, Vídeo

Nesta ocasión temos a sorte de contar coa colaboración de Montserrat Collazo, profesora do departamento de Lingua Galega do IES de Pastoriza, que nos propón un novo uso para o noso teléfono móbil.

Dende o teu móbil

  • envías mensaxes
  • anotas na axenda
  • fas fotos
  • consultas Internet
  • escoitas música
  • fas pequenas movies
  • oriéntaste co GPS
  • xogas cos marcianitos…

Fas case, case de todo ademais de falar por teléfono.

Agora imaxina que podes facer aínda máis cousas, por exemplo… publicar unha novela. Si, publicar unha auténtica novela. Isto é o que está de moda en Xapón hoxe. Alí como aquí todo o mundo leva no peto un teléfono móbil, pero alí máis que aquí a xente adica moito tempo aos seus desprazamentos diarios da casa ao traballo ou ao instituto.

Alí (a diferencia do que pasa aquí) non está moi ben visto falar a través do móbil no tren ou no bus, pero si consultalo. En Xapón a rede vai moi rápido e é de fácil acceso polo que todo o mundo se entretén coa súa microcomputadora.

O ano pasado, cinco dos dez best sellers do Xapón saíron en formato móbil. As súas autoras son case sempre mulleres moi novas e que medraron lendo mangas. Todas elas son moi habelenciosas co teclado do seu teléfono e as novelas que escriben van dirixidas fundamentalmente a un público adolescente, polo tanto cunha temática moi emotiva e moi triste: amores imposibles, celos, mortes de xoves, etc.

Todas escriben polo mero gusto de escribir, pois non cobran polo seu traballo, aínda que sexan lidas por millóns e millóns de seguidores.

Como funciona este tipo de edición? Pois moi doado; un pode subscribirse por só 3€ ao mes, a unha ou varias novelas vía móbil e -entrando a través de internet- vas baixando cada día un capítulo. Necesitas un teléfono con tecnoloxía i-mode e conexión a internet.

A de máis éxito en Xapón o ano pasado: Koizora (Ceo de amor) tivo máis de 25 millóns de lectores. Comezou sendo unha keitai shosetsu (novela de móbil), pero pronto deu lugar a unha película, despois a un dorodrama (telenovela de poucos capítulos) e por fin foi publicada en papel.
Outra que tamén tivo unha magnífica acollida foi Un litro de lágrimas (dramón onde os haxa) con máis de 20 millóns de lectores (tamén adaptada ao cine).

Este fenómeno xa se estende por Corea do Sur e China polo que pronto o teremos como algo habitual nos nosos terminais móbiles.

En España e Hispanoamérica xa se fixeron os primeiros intentos e así autores pertencentes ao movemento Cyberpunk como Javier Lorente ou outros chegados da “literatura tradicional” como Suso de Toro ou Patricia Suárez xa deron un paso adiante. Pero aquí seguimos botando algo en falta: onde están as nosas escritoras de keitai shosetsu, esas rapazas novas que tan ben se manexan co teclado do móbil?