De aqueles blogues estas redes sociais

25 Marzo, 2009 (22:18) | Colaboración, Divulgación científica

Que sabedes das redes sociais? Aprendede un montón con este imprescindible post. A súa autora, Tati Mancebo, ten unha ampla experiencia profesional no ámbito da xestión cultural.

En 2003 comezaron a popularizarse os blogues. Construír unha web de deseño simple cos contidos organizados cronoloxicamente abriu a porta pública a todas as persoas que tiñan algo que dicir. E mudaron a face de Internet, até aquel momento inzada de páxinas estáticas que servían unicamente como medio de contacto ou bases de datos. Servizos como Blogia, Blogger e Blogalia, nun principio, foron secundados por outros como Tumblr e Blogaliza, o primeiro servidor galego de blogues. Un blogue para cada individuo consciente de pertencer á comunidade dos produtores de contidos.

Os comentarios eran habituais e a lectura dos que te seguían de obrigado cumprimento, independentemente do interese propio por uns asuntos ou por outros. Co tempo o número de blogues multiplicouse, os comentarios fixéronse máis escasos, as visitas mesmo nos blogues máis populares, baixaron considerabelmente e en Galiza falouse por ver primeira da morte do blogomillo, entendendo por este a comunidade de blogues escritos en galego.

redes
Mais coa popularización dos blogues e o costume estendido de comunicación a través das SMS naceu o microblogueo, asentado en servizos como Twitter, inicialmente condenado ao fracaso pola opinión experta pois non se albiscaba ningunha das súas funcións actuais agás en caso de xeneralizarse o seu uso, premisa que non demorou moito en facerse realidade, e todos os seus clons, entre o que se encontra o servizo galego Lareta. O microblogueo permitía presenza e relevancia na rede sen o gran esforzo que esixía escribir un post case a diario, escrito pensando máis a estas alturas no interese dos lectores que no propio. Dicir onde estabas e que andabas a facer, alén de reflexións circunstanciais sobre temas de actualidade eran suficientes para seguir movendo pequenas masas. Ademais incluiuse no soporte a posibilidade de subscribirse por RSS ás anotacións ou actualizacións de estado das persoas que nos seguían ou que nos parecían interesantes, ferramenta de grande utilidade nun mar cada vez máis cheo de auga.

A relevancia das identidades dixitais xa non dependían dos visitantes anónimos que pasasen polas súas casas cada día senón dos seus grupos de amigos e da relevancia destes para atraer outros novos. E ao mesmo tempo, apareceron as chamadas redes sociais temáticas ou especializadas en determinados medios para compartir información: Youtube e Vimeo para partillar vídeos, Flick, Picasa ou Photobucket e outros para exhibir e compartir fotografías, Linkedin para promoción e contacto profesionais… Até hoxe en día, que coexisten redes orientadas case cara a calquera tema: mascotas, viaxes, deporte, gastronomía etc.

E cando semellaba que Myspace se especializaba cada vez máis como ferramenta indispensábel entre os profesionais da música, lonxe da rede de redes que pretendía ser, e outras redes xeneralistas de ámbito global perdían fol, apareceu Facebook e deu o golpe: 175.000.000 de usuarios no mundo que aumentan en 500.000 cada día. Fálase de 8.000.000 de usuarios no Estado Español e o Faro de Vigo aventurouse a calcular o outro día que os galegos chegan a 100.000.

A xente anúnciase, mantén os seus amigos informados do que fai, do que lle pasa pola cabeza, conspira, protesta, lerchea, experimenta, mostra fotos, vídeos, ligazóns interesantes, vaia, o mesmiño que antes pero en calquera momento desde un ordenador ou, cada vez máis, desde un móbil mediante aplicacións como Pixelpipe, que permiten actualizar o estado en todas as redes ao mesmo tempo, sen necesidade de ir pasando por cada unha delas. E todo isto sen falar xa doutras como Qik e Kyte, que permiten subir vídeos e imaxes desde o móbil directamente a Internet en tempo real, e de aí a Facebook e outras redes sociais, sen necesidade de almacenalos na memoria do aparello.

E ti, cantos amigos tes?