A chuvia de estrelas das Perseidas

12 Agosto, 2010 (02:59) | Colaboración, Divulgación científica, Imaxe, Vídeo

A interesantísima colaboración de hoxe é un luxo. Vén asinada por Salva Bará, profesor do departamento de Física Aplicada da USC e responsable da iniciativa Astronomía na beirarrúa (podedes seguilos en Facebook). Moitísimas grazas!!!

Se mirades o ceo estas noites seguramente veredes unha chea de estrelas fugaces (ou meteoros, que tamén se chaman así). É a chuvia de estrelas das Perseidas, ou “Bágoas de San Lourenzo”. As mellores noites son as do 12 e 13 de agosto. Non necesitas ningún aparello  especial para velas. Ponte roupa de abrigo, bótate nunha tumbona e desfruta vendo o ceo de verán.  E cando menos o esperes… zas! Algo  semellante a unha estrela aparece de súpeto, móvese rapidamente polo ceo e desaparece. Hai quen di que se pode pedir un desexo e que  seguramente se cumpre. Non todo o mundo cre niso, pero o que sí sabemos é que en realidade non son estrelas. Son pedriñas, chamadas  meteoroides, a maioría delas do tamaño dun grao de arroz ou de millo, que andan polo espazo e entran na atmósfera da Terra con velocidades incriblemente grandes: uns 60 quilómetros por segundo. Si, por segundo! Iso veñen sendo máis de 200.000 quilómetros por hora! Ao rozar co aire a tan grande velocidade os meteoroides quecen, póñense incandescentes e emiten luz: así se forma unha estrela fugaz.

perseidas

Vídeo das Perseidas (Nota da editora: agora mesmo hai problemas para incrustar vídeos de YouTube e tamén para facelo desde a biblioteca de medios en diferentes formatos, así que vos deixo unha ligazón).

A maioría delas desfanse pronto, despois de percorrer un anaco de ceo. Porén, hainas que brillan máis do normal e deixan no aire unha estela que permanece un tempo. E algunhas son dun tamaño máis grande, brillan moito, deixan unha grande estela e mesmo poden facer un son como de treboada: esas chámanse bólidos. Os anacos dun bólido poden chegar a caer ao chan: son os meteoritos,  pedras interesantísimas porque son minerais que veñen directamente do espazo exterior. Os meteoritos axúdannos a coñecer mellor como se formou o Sistema Solar, incluíndo a Terra e nós mesmos. Se atopas algún, avísanos!

Para saber máis:
http://www.spmn.uji.es/ESP/presentacion.html
http://www.spmn.uji.es/ESP/activ1.html

Comentarios

Comment from teresaml
Date: 12 Agosto 2010, 12:35

Grazas por falarnos das Perseidas, Salva! Eu agardo velas como cada ano, tumbada na area da praia.
Non vos perdades a chuvia de estrelas!