Facendo balance en 5 parágrafos

17 Agosto, 2010 (20:29) | Aviso, Profes

engrenaxeEn menos de dúas semanas comezaremos o curso 2010-11 e este será o terceiro ano que impartirei o Ámbito Científico-Técnico nun grupo de PDC. O curso pasado pensei en colgar todo o material co que traballamos no Ámbito no Blog de Tecnoloxía pero non me sentía moi cómoda con esta opción, polo que decidín crear un novo blog no que tamén os alumnos do grupo eran editores. Foi unha experiencia xenial. Con todo, esta solución tampouco me fixo sentir moi cómoda porque non me resulta natural separar ciencia e tecnoloxía cando fóra do mundo académico camiñan diariamente da man. E nin vos imaxinades o esforzo que supón manter á vez dous blogs (esa foi a razón principal pola que desapareceu o curso pasado a sección da Aplicación da Semana).

Por outra banda está a constante actividade no noso instituto para a que sempre houbo un oco no Blog de Tecnoloxía. A pesar de que por fin temos páxina web, quero seguir contándovos cando vai ser o magosto ou se este ano teremos concurso de relatos no Samaín.

Por último hai unha razón de tipo persoal. Encántame ser profe de tecnoloxía (nunca saberedes o ben que o paso) pero hai ocasións nas que me apetecería escribir sobre temas non necesariamente relacionados coa docencia da tecnoloxía, e se non o fago é porque na parte de arriba do blog pon “Blog de Tecnoloxía”. Ben, durante o verán consigo esquecerme do título con máis facilidade 😀

A onde nos leva todo isto? A que quero manter o eixo do blog, que son os contidos de Tecnoloxía, pero tamén quero incluír de forma natural contidos relativos a todas as materias nas que imparta clase, como é o caso do Ámbito Científico-Técnico. Quero falar do que acontece por Pastoriza e tamén contarvos de vez en cando cousas que non teñan que ver con ningunha delas. A solución á que cheguei foi a un cambio de título para o blog que me proporcione a liberdade que busco, que conlevará tamén un cambio na URL.

Isto non vai suceder de hoxe para mañá (entre outras cousas porque todavía necesito ese título para o blog!). Avisareivos con tempo porque me encantaría que seguirades visitándonos. Estade atentos tamén os que nos seguides a través de lectores de feeds! E sobre todo, moitas grazas!!!

Comentarios

Pingback from Ciencia + Tecnoloxía » Tomando medidas IX: Seis anos de blog
Date: 19 Novembro 2010, 23:23

[…] a Blogaliza e nesta nova veciñanza mudei tamén o nome do blog para Ciencia + Tecnoloxía (clic aquí para coñecer os motivos […]

Pingback from Tomando medidas IX: Seis anos de blog | Ciencia + Tecnoloxía
Date: 28 Febreiro 2014, 21:41

[…] a Blogaliza e nesta nova veciñanza mudei tamén o nome do blog para Ciencia + Tecnoloxía (clic aquí para coñecer os motivos […]