Divulgación: Un truco para probar

7 Decembro, 2006 (00:19) | Colaboración, Divulgación científica

Inauguramos unha sección de colaboracións no blog. A primeira delas vén asinada por Diego Sotelo, profesor de Tecnoloxía do CPI de Bembibre.
Hai uns anos atopei este truco de maxia nun libro xuvenil, a explicación de por que funciona esperou uns anos máis. Este é o truco:

Colle unha regra escolar de calquera tamaño, eu para a explicación vou coller unha de 30 cm. Pon as mans separadas máis de 20 cm e menos de 30 cm (este detalle é moi importante como veredes agora) e apoia a regra sobre os dedos índices. Se tes as mans separadas máis de 30 cm a regra caerá ó chan facendo un ruído de plástico roto. Deixa que a regra apoie nos dedos e non a agarres cos polgares.

Ata aquí todo foi colocación agora comeza o truco.

Comeza a xuntar as mans moi a modo. Dá igual cal movas primeiro ou se as moves á vez, o resultado ó final é que podes xuntar as mans sen que caia a regra. Por se fora pouco as dúas mans xúntanse exactamente no centímetro 15 (isto é máis visíbel se a regra é transparente).

A explicación do truco está baseada no rozamento entre o plástico da regra e a man:

Cando xuntes as mans, non controlas cal é a man que se despraza, senón que se vai mover a man que roce menos co plástico (menor rozamento). Curiosamente ese rozamento é maior canto máis preto estamos do medio da regra, así que a man que máis se achega ó medio deixa de avanzar e deixa o movemento á outra man. Isto fai que as mans se acheguen ó centro alternativamente, primeiro se move unha e despois a outra. Pero ningunha é capaz de chegar ó medio.

¿Por que roza máis a man que está preto do centro? Porque o rozamento aumenta co peso da regra e este peso depende de onde teñamos as dúas mans Cando as mans están nos extremos soportan a metade do peso cada unha. Cando unha man está no centro ela soporta o peso completo da regra.