Tomando medidas III: as prácticas de Química

21 Agosto, 2010 (00:16) | Divulgación científica, Tomando medidas

Tiven a gran sorte de asistir como alumna a un instituto (público) no que as prácticas de Fisica, Química e Bioloxía se realizaban semanalmente a partir de 3º de BUP (o voso bacharelato). Alí vin por primeira vez un xogo de portas de infravermellos que se empregaba para medir velocidades, unha cubeta de ondas coa que descubrimos a difracción, experimentei a medida de forzas cun dinamómetro e medín a aceleración da gravedade coa axuda dun péndulo.

Lembro unha ocasión na que a profe de Bioloxía nos encargou ao meu compañeiro de prácticas e a min que prepararamos unha disolución cunha concentración determinada mentres ela explicaba outra cousa. Ao rematar, puxémoslla ao lado da man no momento no que dicía que necesitaba un vaso de precipitados, e quimicasen saber que aquel líquido era o resultado do noso traballo, botouno polo vertedoiro e continuou explicando.

Pero se hai algo que lembro das sesións de laboratorio no instituto son as prácticas de Química. Cando hoxe penso que pipeteabamos ácidos coa boca (NON O FAGADES XAMAIS) e que apenas empregabamos a báscula para medir substancias… Mediamos a  “pouquiños” e eu tiña máis sensación de clases de cociña que de prácticas de Química. Así e todo, todos nós rematamos en perfecto estado de saúde o bacharelato, aprendimos un montón de cousas e tivemos a inolvidable experiencia de fabricar xabrón.

Co tempo tamén cheguei á conclusión de que aquelas prácticas estaban deseñadas para funcionar sempre e que seguramente por iso non era necesario medir e chegaba con traballar a base de “pouquiños”.